Sunday 12 de May de 2024

Gonzalo Muíños: “semella que a visita de Ana Pontón a Raxoi será para autorizar á señora Sanmartín a pactar co Partido Popular o derribo da Casa da Xuventude”


O portavoz dos socialistas afeoulle á alcaldesa que decidise dicirlle non á subvención da deputación para rehabilitar este espazo “ás costas da veciñanza”

Reclama explicacións de Compostela Aberta “que semella que nada fixo para evitar o derribo a pesar de que en campaña prometera o contrario”

Sen explicacións e provocando a súa primeira crise de goberno, así anunciou este martes a alcaldesa a súa decisión de botar a perder a subvención da deputación de máis de un millón de euros coa que se ía a acometer a rehabilitación da Casa da Xuventude para “poñer fin a anos de deterioro e adecuala á contorna na que se ubica”. Desde o grupo socialista lamentan a decisión tomada “unilateralmente” pola alcaldesa, á que lle recordan que goberna “en minoría absoluta” e da que reclaman “máis transparencia” ante o que cualifican dun “novo acto de ocultismo e soberbia”.

Gonzalo Muíños insiste en que esta decisión, non só suporá a perda da subvención, senón tamén un gran desembolso das arcas municipais para facer fronte ao seu derribo e adecuación da praza: “son case dous millóns de euros os que lle van a custar á señora Sanmartín o derribo da Casa da Xuventude e o primeiro golpe a súa coalición de goberno minoritario”.

Preguntándose por que vai facer Compostela Aberta -se votará en contra do derribo da casa ou non-, Muíños arremete tamén contra María Rozas porque “semella que nada fixo a pesar de que en campaña prometera que se Compostela Aberta tiña responsabilidades de goberno non o permitiría”. O socialista cuestiona se a cidade “se pode permitir perder unha subvención de un millón de euros” e “perder un espazo público destas características en pleno centro histórico”.

Lembra que o acordo, que o goberno socialista asinara no pasado mandato coa Deputación, supuña que o ente provincial asumía o maior custo da rehabilitación e o importe íntegro dos gastos fixos durante o prazo de cesión, mentres que “o 80% do espazo destinaríase a usos municipais, cun auditorio ao servizo da cidadanía e todo un andar a disposición das veciñas e veciños da zona histórica”. Concretamente o espazo contaría cun auditorio, un novo espazo de usos múltiples e un segundo andar ao completo dispor do Concello.

“O que parece claro é que a visita de Ana Pontón ao Concello será para que a señora Sanmartín lle pida autorización para pactar co Partido Popular o derribo da Casa da Xuventude” critica Muíños, que insiste, no seu lugar “construirán un galpón”.